miércoles, 15 de mayo de 2024

VISITA A AFABER

A semana pasada alumnado de 6º de EP visitou ás persoas usuarias de AFABER (Asociación de Familiares de Alzheimer Bergantiños).

A visita comezou coa lectura duns contos por parte do alumnado (ambos relacionados coa temática do intercambio de cartas, pois este era o fío condutor da visita).



 O alumnado do CEIP Bergantiños tamén puido gozar da escoita dun dos contos favoritos das persoas usuarias da asociación: "Maruxa", das autoras Eva Mejuto e Mafalda Milhoes.




A continuación o alumnado foi depositando as cartas que lle escribiron ás persoas usuarias nun buzón que crearon en  AFABER para a ocasión.
Estas cartas serán lidas nos próximos días polos seus destinatarios e, por suposto, recibirán resposta.



Durante o resto da visita o alumnado estivo colaborando coas persoas usuarias nas actividades e rutinas marcadas para a xornada (realizaron quebracabezas e tamén uns chaveiros).








As persoas usuarias tiñan tamén preparadas unhas citas dunha das obras máis famosas da literatura universal: "O principiño", de Antoine de Saint-Exupéry.



Tamén houbo momentos para que as persoas usuarias de AFABER falasen das súas experiencias de vida. En concreto, unha usuaria deulles un importante consello ás nenas e nenos que os visitaron; que aproveitasen a ocasión que teñen para aprender e formarse, pois foi algo que ela  cando era nena non puido ter.


Desde aquí queremos dar as grazas tanto ás persoas que traballan en AFABER como ás persoas usuarias por abrirnos as portas da súa asociación e acollernos tan ben como o fixeron.






martes, 14 de mayo de 2024

LECTURAS EN FAMILIA

Con motivo da celebración do día do libro  a biblioteca do polbo Tintón convidou a todas as familias que quixesen a vir a ler á biblioteca para toda a aula do seu fillo ou filla. No caso da etapa de Educación Infantil estas lecturas fixéronse na propia aula.

A proposta tivo unha moi boa acollida por parte das familias, tanto do alumnado de Educación Infantil coma do de Educación Primaria. Desde aquí queremos agradecerlles que nos dedicaran unha parte do seu tempo para transmitir aos nenos e nenas o amor polos libros e a lectura.



A continuación podedes ver tres  presentacións con fotos desta actividade que  tanto fixo gozar a pequenos e maiores.








martes, 7 de mayo de 2024

 RECREO DE EXPERTOS/AS: CURIOSIDADES HISTÓRICAS.



No recreo de expertos/as celebrado hoxe, catro alumnos de 6º de EP fixeron unha exposición oral sobre algunhas curiosidades arredor da Segunda Guerra Mundial. Comezaron preguntando ao alumnado asistente se coñecían a data na que esta se iniciou. A continuación foron explicando algunhas das batallas máis importantes, a implicación dos diferentes países (segundo apoiaran a Alemaña ou estivesen no bando aliado), por que finalmente Estados Unidos participou nesta guerra, a importancia do desembarco de Normandía, etc.


Para clarificar a exposición foron axudándose de diferentes mapas e repartiron funcións: mentres uns explicaban outros ían seleccionando as imaxes a proxectar.










































Desde aquí dámoslles as grazas  e un forte aplauso a estes catro nenos por facer tan bo labor de investigación e compartir cos seus iguais o gusto polo coñecemento de feitos históricos tan importantes.







SESIÓN DO CLUB DE LECTURA.

Na tarde de onte o alumnado participante no club de lectura "O océano dos libros" tivo unha nova sesión, na cal falaron dos nove primeiros capítulos do libro que están a ler agora mesmo: "Mamá, quero ser Ziggy Stardust", escrito por Iria Misa e ilustrado por Alba Barreiro.


 Se algo hai que destacar desta sesión é que foi moi produtiva e que se lles fixo curta, tanto ás alumnas participantes como ás dúas mestras que coordinan esta actividade. 


Para conducir a sesión formuláronse unha serie de cuestións en relación ao contido destes nove capítulos sobre as que as nenas asisentes deron a súa opinión persoal e debatiron. Estas cuestións xiraron  en torno aos estereotipos e a identidade de xénero, as relacións cos iguais e coa familia, etc.



RECREO DE TALENTOS: BAILE

Ademais de escoitar a frauta traveseira, o alumnado que se achegou ao último recreo de talentos puido gozar das coreografías que nos presentaron tres alumnas de 2º de EP. Aquí tedes unha mostra do ben que o fixeron. Un forte aplauso para elas!






 

RECREO DE TALENTOS: FRAUTA TRAVESEIRA.

 A música estivo presente na edición de recreo de talentos do pasado xoves. Nesta ocasión unha alumna de 5º de EP fixo un pequeno concerto de frauta traveseira. Desde aquí dámoslle un aplauso ben forte!







RECREO DE EXPERTOS/AS: DEPORTE.

Durante a semana pasada houbo máis alumnado do CEIP Bergantiños que quixo compartir entre os seus compañeiros e compañeiras a súa paixón polo deporte.

Dous alumnos de 3º de EP falaron da práctica do taekwondo:



Unha nena de 3º de EP falounos do deporte que practica, neste caso o kick boxing:



Dúas nenas de 2º de EP falaron da capoeira e do karate, respectivamente:



Por último tres nenas de entre 2º e 4º de EP viñeron amosarnos un trofeo que gañaron nun torneo de hóckey. Están moi satisfeitas porque resultou duro gañalo pero finalmente conseguírono.



É estupendo que o alumnado do noso centro practique tanta variedade de deportes e que se anime a contalo nos recreos de expertos/as.




jueves, 2 de mayo de 2024

XULIA PISÓN VISITA A NOSA BIBLIOTECA


Este xoves 2 de maio a biblioteca de Tintón contou cunha convidada moi especial: a ilustradora Xulia Pisón. Entre outras obras é a autora de "Microalgas", o primeiro libro sobre o que xirou o club de lectura recén estreado este curso na nosa biblioteca. Tivemos a sorte de que nos dedicara dous dos exemplares que hai na biblioteca, así como algúns outros que tiña o alumnado asistente (6º de E.P.).















Durante a visita Xulia falounos das súas experiencias persoais en torno á  súa paixón pola ilustración. Aínda que nun primeiro momento deixou esta paixón apartada para estudar e traballar como enfermeira, máis adiante douse conta do importante que era para ela a creación artística no campo da ilustración. Nos dous vídeos que aparecen a continuación podedes ver o ben que explica a importancia de perseguir os nosos soños.



Seguidamente falounos dos proceso creativo das súas obras. Neste vídeo fala como foi o proceso de creación de "Microalgas".


A xornada rematou cun obradoiro de debuxo, pois non podiamos deixar pasar a ocasión de contar cunha ilustradora tan magnífica coma Xulia Pisón sen aproveitar os seus consellos á hora de debuxar. Na presentación de fotos que aparece a continuación podedes ver algúns momentos da charla previa ao obradoiro, así como do propio obradoiro de debuxo.




Desde aquí agradecemos a Xulia que nos dedicase un anaquiño do seu tempo para dar a coñecer un labor tan importante como o que fai, ademais de transmitir ao alumnado a maxia da creación, dos libros e da lectura.





VISITA A AFABER A semana pasada alumnado de 6º de EP visitou ás persoas usuarias de AFABER (Asociación de Familiares de Alzheimer Bergantiño...