viernes, 26 de abril de 2024

RECREO DE TALENTOS: BAILE

Este venres tivemos unha nova edición dos recreos de talentos na nosa biblioteca. O talento que amosaron as nenas e o neno participantes foi o baile. Aquí tedes aos artistas:


Nos vídeos que aparecen a continuación podedes ver o ben que se moven ao ritmo da música, tanto en coreografías individuais como grupais. 



 




jueves, 25 de abril de 2024

REPRESENTACIÓN TEATRAL: FEROCES

Durante esta Semana do libro tivemos unha sesión de teatro moi especial: varias nais de nenos e nenas das aulas de Educación Infantil fixeron unha representación teatral do conto "Feroces".


 O alumnado asistente á función non perdeu detalle da estupenda actuación destas nais. Desde aquí dámoslles tamén un forte aplauso e agradecémoslles enormemente o tempo dedicado e o traballo realizado para representar esta historia que tanto nos gustou.















RECREO DE TALENTOS: TEATRO.



O pasado venres o alumnado que acudiu ao recreo de talentos tivo unha cita co teatro, na que oito nenos e nenas de 4º de Educación Primaria  representaron a obra "Tsunami ficticio".

No seguinte vídeo podedes ver un fragmento da mesma. Un aplauso forte para os artistas!!!





miércoles, 24 de abril de 2024

A MALETA MARIÑEIRA

Hai uns días recibimos na biblioteca do polbo Tintón, da man do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), unha serie de títulos relacionados coa vida mariña.


Estes libros estarán á disposición do alumnado e o profesorado do centro para velos na biblioteca e así poder investigar, aprender e concienciarse sobre a importancia do medio mariño  e a súa correcta conservación.

Desde aquí queremos agradecer ao CEIDA esta importante iniciativa, así como o labor de divulgación tan valioso que está a facer.



SEMANA DO LIBRO E DA LECTURA

Entre o 22 e o 26 de abril celébrase na Biblioteca Municipal Rego da Balsa de Carballo a decimoséptima edición da Semana do Libro e a Lectura (iniciativa que conta coa colaboración do Concello de Carballo, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Fundación Luis Calvo Sanz).

A Semana do Libro e a Lectura ten sempre unha temática central; este ano é a maxia.


Os centros educativos pertencentes ao concello de Carballo participan nesta proposta elaborando diversos materiais que serán expostos nesta biblioteca municipal, así como acudindo ás diferentes actividades programadas. 
Aquí vos deixamos unha mostra dos materiais elaborados polo noso centro, baixo a coordinación do Equipo de biblioteca. Como podedes ver, tanto nas etapas de Educación Infantil como de Educación Primaria o profesorado e o alumnado deu mostras de grande imaxinación e creatividade para realizar libros de maxia, xogos de diverso tivo que teñen a maxia como fío condutor, un photocall con elementos de maxia, etc.

En definitiva, trátase de que maiores e pequenos se acheguen Á MAXIA DA LECTURA.










  

RECREO DE EXPERTOS/AS: OBRADOIRO DE MARCAPÁXINAS.

Este martes 23 de abril, coincidindo co Día Internacional do Libro, celebrouse na biblioteca de Tintón unha edición do recreo de expertos/as dedicado á creación de marcapáxinas.


 






domingo, 21 de abril de 2024

RECREO DE EXPERTOS/AS: CONSTRUCIÓN DE BARCOS.

Os recreos de expertos/as así como os de talentos están a ter unha moi boa aceptación entre o alumnado, tanto para impartilos ou amosar talentos como á hora de participar neles como espectadores ou realizando creacións de diverso tipo no caso dos obradoiros. Son tantas as propostas que ás veces é necesario que a biblioteca de Tintón destine algún día máis na semana para dar cabida a todo o alumnado que quere participar. Recordamos que os recreos dos martes están dedicados aos expertos/as en calquera materia e os dos venres a amosar talentos. 



Por este motivo o mércores houbo unha edición  do recreo de expertos/as na que Candela, alumna de 6º de Educación Primaria, realizou un obradoiro para aprender a construír barcos. Os materiais empregados foron cartolina, tapóns de cortiza, gomas elásticas e paos de madeira. Na seguinte presentación de fotos podedes ver como foi o proceso e tamén algúns dos resultados.




 



 RECREO DE EXPERTOS/AS: DEPORTE

No recreo de expertos celebrado o martes varios nenos e nenas de Educación Primaria estiveron falando dos deportes que practican. Os xogadores de hockey trouxeron os seus paos e a pelota.







 SESIÓN DO CLUB DE LECTURA

O pasado luns o alumnado participante no club de lectura do noso centro tivo unha nova sesión na que se presentou a obra que será obxecto de lectura e análise nas próximas semanas. A obra titúlase "Mamá, quero ser Ziggy Stardust", escrito por Iria Misa e ilustrado por Alba Barreiro.

Na primeria parte da sesión as nenas e o neno que integran o club de lectura, así como María e Yolanda, as mestras encargadas de dinamizalo, deron respostas a  preguntas acerca do argumento do libro, do xénero (dicindo que outras novelas leran previamente), da personaxe principal, etc.













Antes de dar por rematada a sesión houbo tempo para comezar a elaborar un cartaz para o recanto do club de lectura "O océano dos libros" que estará na biblioteca do polbo Tintón.




viernes, 12 de abril de 2024

 RECREO DE TALENTOS: VIOLÍN

Este venres a música visitou de novo a biblioteca do polbo Tintón. A encargada de amosar o seu talento tocando o violín foi Martina, alumna de 4º de E.P. Fíxonos gozar con tres pezas: "A saia da Carolina", "Muiñeira de Chantada" e "Gavotte Mignon".















No seguinte vídeo podedes ver e escoitar a Martina interpretando a "Muiñeira de Chantada".


Ademais de tocar na biblioteca, Martina tamén se achegou ata o edificio de Educación Infantil para que o alumnado máis cativo da escola poidese gozar dunha sesión musical.





RECREO DE EXPERTOS/AS: PAPIROFLEXIA

A biblioteca de Tintón segue a ofrecernos actividades moi entretidas para o tempo de lecer. Nesta ocasión foron Mateo, Erik, Noelia e Iria (5º de E.P.) os encargados de achegar a arte da papiroflexia a aqueles compañeiros interesados por aprender a facer figuras a partir do papel.


               Os expertos durante o obradoiro no que amosaron as técnicas da papiroflexia 

Na presentación de fotos que aparece a continuación podedes ver como foi este proceso de creación.




lunes, 8 de abril de 2024

RECREO DE TALENTOS: CHISTES.






Este venres o recreo de talentos foi en clave de  humor, pois o alumnado de varios cursos de Educación Primaria ofreceunos unha sesión de chistes. Que mellor maneira de rematar a semana que botando unhas risas!

No seguinte vídeo podedes ver unha pequena mostra dos chistes que nos contaron estes alumnos.




  RECREO DE EXPERTOS/AS: CURIOSIDADES HISTÓRICAS. No recreo de expertos/as celebrado hoxe, catro alumnos de 6º de EP fixeron unha exposición...