miércoles, 17 de junio de 2026

 

CLUBS DE LECTURA

Boa tarde, meus amiguiños e amiguiñas!

Como ben sabedes, este curso, estamos a desenvolver uns Clubs de Lectura. Ímosvos a contar que libros leron e que actividades realizaron ao longo deste terceiro trimestre.

 

1º CICLO: 1º e 2º de EP

O alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria participou na lectura de "Poemas birollos para ler cos ollos", de Fran Alonso. É un libro de poesía infantil que parte dunha concepción lúdica, divertida e transgresora da poesía. Os poemas nacen de dúas fontes fundamentais: a poesía visual e a oralidade. Botando man do elemento gráfico para facer que os poemas se lean coma se fosen cadros e buscando a complicidade das cancións infantís, dos arrolos e das sortes.

.

Ao longo das sesións, o alumnado achegouse  á poesía visual a través de textos nos que as palabras, as letras e as imaxes forman parte do propio poema. O alumnado xogou coas rimas, cos sons e cos movementos que suxiren algunhas composicións, descubrindo novas formas de ler e interpretar os textos.

Unha das actividades que máis gustou foi a creación do noso propio zoo das palabras. A partir da mestura de distintos animais, os nenos/as inventaron seres fantásticos, puxéronlles nome e debuxáronos, dando renda solta á súa imaxinación.

Para rematar o curso, realizamos unha actividade de recordo na que cada participante coloreou o animal identificativo do seu equipo, escolleu o seu libro favorito, debuxou a súa portada preferida e coloreou algúns dos personaxes que máis lle gustaron das lecturas compartidas ao longo do ano.




 

2º CICLO: 3º e 4º de EP

Ao longo das primeiras sesións deste trimestre, rematamos de traballar arredor do libro, xa lido no 2º trimestre, “Somos os monstros”, de Paula Carballeira. Realizamos os nosos propios monstros. Primeiro, tiñan que crear un mosntro seguindo unhas pautas dadas. Logo, deseñaron o seu propio monstro. Quedaron todos fantásticos e iso que son monstros!


 
 


Tamén realizamos un KAHOOT de repaso final coas ideas principais desta obra.

 



A continuación, lemos o libro de narrativa “Fani & SúperDani”, de Ramón D. Veiga e Ignacio Hernández. Un libro reversible no que desfrutamos dos dous primeiros volumes “Dani quere ser superheroe“ e “Contra o caracol mutante”.

Nun primeiro momento, achegamos á rapazada ao mundo dos superheroes, preguntándolles se coñecían algúns, quenes eran os seus favoritos, que lles gustaría ter como súperpoder,… Ademais, crearon e colorearon os seus propios heroes ou heroínas.


 

A continuación, centrámonos no libro, onde Dani sempre soñou con ser un SUPERHEROE e, de tanto desexalo, acabou por conseguilo. Por sorte, Fani nunca sae de casa sen o seu bolígrafo e o seu caderno, disposta a contarche todo o que lle pase ao seu mellor amigo.

No volume 1, preséntasenos aos personaxes principais, superheroes e superheroinas que admiran e como conseguiu Dani os seus poderes.

No volumen 2, SúperDani enfróntase na súa primeira misión como superhéroe contra un caracol mutante, que decide atacar o colexio.

 Dividimos cada volume en 2 metades, para que tivesen tempo a lelo, xa que coincidía co final de trimestre e de curso. Encantoulles esta obra, tanto pola temática, como pola forma na que está narrada, que fai que resulte moi sinxelo e atractivo de ler.



Para rematar, realizamos un KAHOOT final sobre este libro, mentres desfrutabamos dunha rica merendola.



3º CICLO: 5º e 6º de EP

O Club de Lectura do terceiro ciclo leu “Cartas de Inverno”, de Agustín Fernández Paz. Neste novela, nárrase a historia do escritor Xabier Louzao volve a Galicia, tras unha longa estadía en Québec e atópase coas cartas que o seu amigo Adrián lle escribira durante a súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que talvez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar.

Foi un trimestre breve, no que se perderon varias sesións por diferentes casuísticas, o que obrigou a acelerar o paso da lectura.
A principal actividade realizada foi o intercambio de cartas de medo entre os dous grupos de terceiro ciclo (5º e 6º de EP); misteriosas cartas pedindo auxilio, relatando estraños sucesos ou ameazando a vida dos destinatarios apareceron na biblioteca, obrigando aos seus receptores a respondelas, ofrecendo axuda ou defendéndose dos seus atacantes.
Xunto a isto, tamén se deu apoio común á comprensión do libro, que ten múltiples cambios de narrador/a que poden resultar confusos ós integrantes do club. Puxeron en común as súas dúbidas respecto á obra para poder avanzar con confianza.
Por último, cunha pequena merenda despediron xa o club, facendo un kahoot final.

Así mesmo, como membros do club, tiveron dúas actividadades como agasallo: unha andaina pola contorna natural e un obradoiro de lingua de signos. De ambas as dúas, quedaron todos os participantes encantados.

 

 Foi un ano cheo de grandes lectores e lectoras. Esperamos vervos prontiño!

 

APERTAS!

O polbo Tintón.



miércoles, 3 de junio de 2026

 

VISITA DE MIRIAM ALLER ÁLVAREZ - LINGUA DE SIGNOS

Boa tarde, cativiños e cativiñas!

Na mañá de hoxe, contamos coa visita ao noso centro de Miriam Aller Álvarez, intérprete de lingua de signos, a cal conta cunha ampla traxectoria na docencia e na interpretación de lingua de signos.

Miriam desenvolveu tres talleres, un para 3º, un para 4º e, outro para 5º, tendo como participantes unicamente aos participantes dos clubs de lectura destes 3 niveis educativos de EP.

 

 Nun primeiro momento, Miriam preguntoulles ao alumnado que pensaban que era a lingua de signos e quenes eras as persoas que a usaban.

Explicoulle a diferenza entre xordos e xordomudos e que realmente non había xordomudos, senón xordos, xa que todos nacemos con cordas vocais, pero non todos temos as ferramentas necesarias para usalas.

Así mesmo, afondou na súa profesión como intérprete de signos e proque se facía tan necesaria.

Unha vez que introduciu aos nenos/as neste ámbito, preguntoulles se ás persoas xordas lles gusta a música. A maioría do alumnado respondeu que si, pero non soubo desenvolver a resposta. 

Miriam explicoulles como poden sentir a música: a través dunhas mochilas vibratorias. Estas marcan o ritmo da música que se escoita, facendo vibracións distintas segundo se escoiten instrumentos de corda, vento ou metal.

A continuación, o alumnado puido percibir 2 cancións do máis diferente, a través do uso destas mochilas. Quedamos todos/as alucinados/as!



           Para rematar, Miriam ensinounos a signar parte dunha canción. Velaquí podedes ver o resultado do alumnado de 4º de EP:


Foi unha hora do máis interesante e motivadora para os nenos e nenas dos clubs de lectura, así como un agasallo polo esforzo e traballo realizados ao longo deste curso.


Moitas gracias, Miriam! Foi un pracer escoitarte e contar contigo no noso colexio!


APERTAS!

O polbo Tintón.

 


 

 

 

FINAL DO TORNEO DE XADREZ

No día de hoxe, celebrouse a esperada final do noso torneo de xadrez.

Como ben sabedes, este torneo creouse a partires dun recreo de expertos, nos que 4 alumnos do centro impartiron un obradoiro sobre o xadrez.

Ese foi o punto de orixe que derivou nun trepidante torneo que se desenvolveu ao longo de todo este curso académico.

Hoxe, na final, enfrontáronse Mario, alumno de 6ºD de EP, e Óliver, alumno de 4ºA de EP.



 Tras unha partida do máis interesante e do máis parella, resolveuse a final proclamándose Mario, como vencedor.

Mario recibiu como agasallo un minitrofeo, creado no colxexio, así como unha camiseta de recordo do torneo.


Simultaneamente, tamén xogaron, a partida polo terceiro posto do torneo, Román, alumno de 5ºA de EP, e Leo Salgado, alumno de 6ºD de EP.


Finalmente, Román impúxose a Leo, quedando no terceiro posto do torneo.

Foi un ano incrible, onde numerosos rapaces e rapazas  se animaron, cada semana, a compartir a súa paixón polo xadrez.

 

Non podo rematar, sen agradecerlle, de maneira infinita, a súa implicación no torneo ao mestre Salvador, titor de 6ºD de EP. Sen el, este torneo nunca vería a luz.

Grazas por todos os días adicados a organizalo, a facer os carteis dos enfrontamentos, a pasar horas coa rapazada, mentres xogaban as partidas, a nunca perder o sorriso en cada unha das xornadas do torneo,... Grazas, de corazón, Salva!

 

GRAZAS A TODOS/AS POR PARTICIPAR! E POR MOITO MÁIS XADREZ!

O polbo Tintón.

 


  CLUBS DE LECTURA Boa tarde, meus amiguiños e amiguiñas! Como ben sabedes, este curso, estamos a desenvolver uns ...