sábado, 26 de abril de 2025

PEDRO, O PILOTO DE GAIVOTAS, NA BIBLIOTECA DE TINTÓN.

Este venres a biblioteca do polbo Tintón tivo unha visita moi especial: o autor do conto "Pedro o piloto de gaivotas", Manuel Darriba. A historia está baseada na súa experiencia como pai de Pedro, un neno cunha enfermidade rara. Manuel estivo acompañado por María, psicóloga que traballa na sede de FEGEREC da Coruña, sede que visitou o alumnado do voluntariado solidario o pasado mes de decembro.




Manuel presentoulle o conto ao alumnado e isto serviu de punto de partida  para falar da diversidade funcional e de como os contos representan a realidade. A continuación os nenos e nenas puxéronse mans á obra para facer un bonito recordo personalizando a cada nena e neno piloto de gaivotas.





Desde aquí queremos agradecer tanto a Manuel como a María e á FEGEREC (Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas) pola súa disposición á hora de colaborar co noso centro e polo seu labor en favor da divulgación e sensibilización sobre as enfermidades raras e crónicas entre a sociedade en xeral e as nenas e nenos en particular.










jueves, 24 de abril de 2025

VOLUNTARIADO DE LECTURA DE ABRIL.

Na xornada de hoxe o alumnado de E.P. que participa no voluntariado de lectura realizou as lecturas e actividades programadas arredor destas lecturas nas aulas de E.I., así como nas de 1º ciclo de E.P. (1º e 2º). A continuacion podedes ver algúns exemplos de lecturas e actividades.

Nunha aula de Educación Infantil nenos e nenas de 5º de E.P. leron o conto "Ratos na casa". A continuación realizaron unha actividade de degustación de froita e posteriormente as nenas e nenos de infantil foron coloreando as froitas segundo lles gustasen ou non.



En 2º de Educación Primaria leron, nunha das aulas, o conto "El capitán Barbaspín en la Isla del Tesoro".

Noutra das aulas de 2º de E.P. a lectura escollida foi "La niña que hablaba con los árboles". A actividade proposta polo alumnado de maior idade ás nenas e nenos máis pequenos foi a realización dun debuxo dunha árbore e a invención dun nome para a súa árbore. Aquí podedes ver os debuxos tan fermosos que fixeron:







 
 

VOLUNTARIADO SOLIDARIO: VISITA DE ÍNTEGRO.

No día de hoxe recibimos na biblioteca de Tintón a visita de varias persoas usuarias da asociación ÍNTEGRO: Fran, José Carlos, Nuria, Valeria e Bruno, acompañados de Cintia (que forma parte do persoal da asociación). A visita á nosa biblioteca enmárcase dentro da conmemoración da CONVENCIÓN DOS DEREITOS DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE, que se celebra o próximo 3 de maio. 



Para o alumnado voluntario do noso centro esta foi unha experiencia enormemente enriquecedora, pois tiveron a ocasión de escoitar de primeira man os testimonios destes mozos mozas; José Carlos falou das barreiras arquitectónicas, Valeria definiu o termo discapacidade e Bruno comentou aspectos relativos á discriminación. Isto serviu de punto de partida para unha interesante conversa sobre as dificultades que atopan no seu día a día: falta de semáforos sonoros, portas automáticas con falta de sinalizacións, etc.



Tamén falaron de   experiencias persoais negativas que viviron na infancia (falaron de humillacións e acoso escolar) e tamén no momento actual (verse tratados como se fosen aínda nenos e nenas en lugar de persoas adultas, ocultarlles información, sobreproteccion, etc.).


As persoas usuarias de Íntegro e o alumnado do noso centro realizaron unha actividade conxunta consistente na elaboración dun mural no que  tiñan que relacionar os dereitos das persoas con discapacidade cunha serie de imaxes.



Non nos queremos despedir sen darlle as grazas a estes mozos e mozas por falarnos das súas vivencias en relación á discapacidade, así como á asociación Íntegro pola súa boa disposición para colaborar coas propostas do voluntariado solidario da nosa biblioteca.








REPRESENTACIÓN DUN CONTO EN EDUCACIÓN INFANTIL.

No noso centro seguimos a realizar actividades en relación á celebración do Día do Libro. Nesta ocasión contamos coa inestimable colaboración de varias nais de nenos e nenas da etapa de Educación Infantil, as cales realizaron unha representación teatral dun conto.


Contáronnos a historia  dun oso que tiña moitas ganas de durmir pero que era constantemente interrompido por varios animais que querían que lles collese mel dunha colmea que había nunha árbore. Foi unha historia moi divertida e que estas nai interpretaron de xeito marabilloso.





Desde aquí dámoslles un forte aplauso e agradecémoslles enormemente o tempo e o agarimo dedicado para facernos pasar tan bos momentos.









miércoles, 23 de abril de 2025

CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO.

Hoxe, 23 de abril, é un día moi especial para a biblioteca do polbo Tintón, xa que se celebra o Día do Libro. Este ano Tintón quixo sorprendernos cunhas lecturas ocultas nunhas caixas. Na etapa de E.P. cada aula recibiu unha caixa cun libro destinado a ler no proxecto lector. Como actividade posterior cada aula ten que meter na caixa unha serie de pistas para que o resto de aulas adiviñen que título lle tocou a cada unha. O venres desvelarase o misterio, así que prestade atención ao noso blog para sabelo.

Na etapa de E.I. apareceron unha serie de caixas e cada aula desprazouse ata a entrada do edificio para abrir unha e coller o conto que lles tocase.



Pero como Tintón é moi xoguetón quixo gastarnos algunha que outra broma, e había algunha caixa que non tiña precisamente contos. Así que tocou seguir abrindo caixas ata dar con un.


Por fin apareceu o conto!







 

SESIÓN DO CLUB DE LECTURA (2º CICLO).

Na quinta sesión do club de lectura  o alumnado de 3º e 4º de E.P. está inmerso na lectura de "La habitación secreta".




Ao longo desta sesión o alumnado estivo realizando un Kahoot para poñer a proba o seu nivel de comprensión lectora.



Unha das actividades propostas en relación a esta lectura é a de construír a súa habitacion secreta. A modo de inspiración propuxéronselle estes exemplos:






Estamos desexando ver os resultados desta proposta, pois de seguro que van poñer en marcha toda a súa imaxinación e creatividade. Xa vos iremos informando!.








 

RECREO DE EXPERTOS/AS: ORIGAMI.

No recreo de expertos/as de este martes Camila, alumna de 3º de E.P. ensinounos a facer uns coelliños empregando a técnica do origami.

Camila explicando como hai que ir  pregando o papel.


Despois cada quen foille dando forma ao coelliño, debuxándolle as partes da cara.


 


Aquí podedes ver o ben que quedaron. Dámoslle un forte aplauso a Camila por ensinarnos a facer estes coelliños tan bonitos!.







sábado, 19 de abril de 2025

TINTÓN VIAXEIRO:CONCERTO DIDÁCTICO.

Xusto antes das merecidas vacacións Tintón acompañou ao alumnado de 4º e 6º de E.P. ao Palacio da Ópera da Coruña a gozar do espectáculo musical "Pangea" . O concerto foi interpretado polo músico Abraham Cupeiro, xunto coa Orquestra Sinfónica de Galicia e durante o mesmo as nenas e nenos puideron descubrir instrumentos antigos  que Abraham recupera e reconstrúe.









OBRADOIRO DE ALIMENTACIÓN SAUDABLE.

O pasado 10 de abril na biblioteca de Tintón celebrouse un obradoiro sobre alimentación saudable que foi impartido pola nutricionista  Laura Cordo e ao que asistiron nenas e nenos de 1º de E.P. Neste obradoiro presentouse o proxecto "La pandi" , dirixido a promover hábitos de alimentacion saudable entre o alumnado.


Ao longo do obradoiro os nenos e nenas foron realizando varios xogos, nos que escolleron os alimentos máis saudables e con máis nutrientes e superando os retos que se lles ían propoñendo. Ao final do obradoiro as aulas foron agasalladas con libros, diplomas e peluches dos personaxes.




Desde aquí agradecemos a Laura a súa colaboración por achegar ao noso centro esta iniciativa tan interesante e necesaria.







VOLUNTARIADO SOLIDARIO: SAÍDA A LENDA EDUCATIVA. No día de hoxe as nenas e nenos que colaboran co C.E.E. LENDA EDUCATIVA fixeron a última ...