VOLUNTARIADO SOLIDARIO: VISITA DE ÍNTEGRO.
No día de hoxe recibimos na biblioteca de Tintón a visita de varias persoas usuarias da asociación ÍNTEGRO: Fran, José Carlos, Nuria, Valeria e Bruno, acompañados de Cintia (que forma parte do persoal da asociación). A visita á nosa biblioteca enmárcase dentro da conmemoración da CONVENCIÓN DOS DEREITOS DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE, que se celebra o próximo 3 de maio.
Para o alumnado voluntario do noso centro esta foi unha experiencia enormemente enriquecedora, pois tiveron a ocasión de escoitar de primeira man os testimonios destes mozos mozas; José Carlos falou das barreiras arquitectónicas, Valeria definiu o termo discapacidade e Bruno comentou aspectos relativos á discriminación. Isto serviu de punto de partida para unha interesante conversa sobre as dificultades que atopan no seu día a día: falta de semáforos sonoros, portas automáticas con falta de sinalizacións, etc.
Tamén falaron de experiencias persoais negativas que viviron na infancia (falaron de humillacións e acoso escolar) e tamén no momento actual (verse tratados como se fosen aínda nenos e nenas en lugar de persoas adultas, ocultarlles información, sobreproteccion, etc.).
Non nos queremos despedir sen darlle as grazas a estes mozos e mozas por falarnos das súas vivencias en relación á discapacidade, así como á asociación Íntegro pola súa boa disposición para colaborar coas propostas do voluntariado solidario da nosa biblioteca.


No hay comentarios:
Publicar un comentario