VISITA A AFABER
A semana pasada alumnado de 6º de EP visitou ás persoas usuarias de AFABER (Asociación de Familiares de Alzheimer Bergantiños).
A visita comezou coa lectura duns contos por parte do alumnado (ambos relacionados coa temática do intercambio de cartas, pois este era o fío condutor da visita).
O alumnado do CEIP Bergantiños tamén puido gozar da escoita dun dos contos favoritos das persoas usuarias da asociación: "Maruxa", das autoras Eva Mejuto e Mafalda Milhoes.
A continuación o alumnado foi depositando as cartas que lle escribiron ás persoas usuarias nun buzón que crearon en AFABER para a ocasión.Estas cartas serán lidas nos próximos días polos seus destinatarios e, por suposto, recibirán resposta.
Durante o resto da visita o alumnado estivo colaborando coas persoas usuarias nas actividades e rutinas marcadas para a xornada (realizaron quebracabezas e tamén uns chaveiros).
As persoas usuarias tiñan tamén preparadas unhas citas dunha das obras máis famosas da literatura universal: "O principiño", de Antoine de Saint-Exupéry.
Tamén houbo momentos para que as persoas usuarias de AFABER falasen das súas experiencias de vida. En concreto, unha usuaria deulles un importante consello ás nenas e nenos que os visitaron; que aproveitasen a ocasión que teñen para aprender e formarse, pois foi algo que ela cando era nena non puido ter.
Desde aquí queremos dar as grazas tanto ás persoas que traballan en AFABER como ás persoas usuarias por abrirnos as portas da súa asociación e acollernos tan ben como o fixeron.