martes, 20 de mayo de 2025

MURO COLABORATIVO DE RECOLLIDAS DE CANTIGAS.

Se premedes AQUÍ podedes entrar no muro colaborativo onde alumnado de diferentes centros de Galicia vai partillando cantigas recollidas pola súa comarca. Veredes que hai algunha subida por alumnado do noso centro.


TINTÓN NAS ONDAS (RADIO ESCOLAR).

Durante este curso o profesorado que participa na formación en Polos Creativos está a realizar un curso de radio escolar. Nunha das prácticas desta formación fixemos un pequeno programa de radio sobre a nosa biblioteca. Titulámolo "Tintón nas ondas" e nel falamos sobre a experiencia de voluntariado lector, concretamente de alumnado de 5º de E.P. que vai ler ás aulas de Educación Infantil.

Pemendo AQUÍ podedes escoitar o programa.






 

SESIÓN DO CLUB DE LECTURA (3º CICLO).

Na sesión do club de lectura deste luns o alumnado de 5º e 6º de E.P. iniciou a lectura da último dos libros deste curso: unha obra de banda deseñada titulada "Incoloro. A profecía dos sangues", de José Malvárez Carleos. 


Co obxectivo de facer un primeiro achegamento á lectura o alumnado realizou un KAHOOT sobre as ideas previas acerca do libro e tamén sobre o seu autor e a trama.




A sesión rematou anunciándolle aos nenos e nenas a realización dunha andaina o día 13 de xuño para recoñecer e agradecer a súa implicación e participación no club de lectura.





OS O.D.S. NA BIBLIOTECA DE TINTÓN: VIDA DE ECOSISTEMAS TERRESTRES.

Este luns na nosa biblioteca presentouse un novo Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (O.D.S.) relacionado coa vida de ecosistemas terrestres. Se premedes AQUÍ podedes ver o vídeo explicativo que viu o alumnado.


Antes do visionado do vídeo Verónica, a mestra encargada de explicar este obxectivo, preguntoulles se sabían o que era un ecosistema terrestre e os elementos que o conforman.


Despois de ver o vídeo falaron da contaminación dos ecosistemas, da desertificación e da desaparición de especies. Ao final debatiron sobre as cousas que podemos facer para mellorar a conservación dos ecosistemas terrestres.

Como tarefa para o alumnado encargóuselles crear un logo para a mellora dos ecosistemas terrestres.

A continuación amosámosvos unha foto de exemplos de tarefas que entregaron as nenas e nenos en relación ao obxectivo anterior (produción e consumo responsable).








domingo, 18 de mayo de 2025

RECREO DE TALENTOS: ESPECIAL LETRAS GALEGAS.

Coincidindo coa véspera da celebración do Día das Letras Galegas a biblioteca de Tintón deu acollida a unha sesión de recreo de talentos moi especial. 

Varias alumnas de 5º e 6º de E.P. leron fragmentos da obra "Canta, miña compañeira".




Como broche final tivemos dúas actuacións de baile tradicional galego:

Leire, Úrsula e Sofía, alumnas de 5º de E.P. bailaron a muiñeira de Lugo:



As irmáns Paula (5º de E.P.) e Iria (2º de E.P.) tamén bailaron esta mesma peza:




Un forte aplauso para todas estas alumnas por crear estas actividades para un recreo de talentos tan sinalado!.



 

martes, 13 de mayo de 2025

RECREO DE EXPERTOS/AS: BOXEO.

No día de hoxe realizamos na biblioteca de Tintón unha nova sesión dos recreos de expertos/as. Nesta ocasión contamos con Asier (alumno de 3º de E.P.) e Aroa (alumna de 4º de E.P.), os cales estiveron ensinándolle ás nenas e nenos asistentes diferentes movementos deste deporte. Nas fotos e no vídeo que aparece a continuación podedes ver o ben que o fixeron. Un aplauso para os dous!






SESIÓN DO CLUB DE LECTURA 3º CICLO (5º E 6º DE E.P.).

Na sesión do club de lectura do 3º ciclo que tivo lugar este luns o alumnado asistente realizou unha das súas actividades favoritas: resolver un KAHOOT para poñer a proba a comprensión da lectura realizada. Neste caso tratábase do libro "Wombo Combo", de Paula Carballeira e cuxa lectura xa concluíron.







 

  CLUBS DE LECTURA Boa tarde, meus amiguiños e amiguiñas! Como ben sabedes, este curso, estamos a desenvolver uns ...