CLUBS DE LECTURA
Boa tarde, meus amiguiños e amiguiñas!
Como ben sabedes, este curso, estamos a desenvolver uns Clubs de Lectura. Ímosvos a contar que libros leron e que actividades realizaron ao longo deste terceiro trimestre.
1º CICLO: 1º e 2º de EP
O alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria participou na lectura de "Poemas birollos para ler cos ollos", de Fran Alonso. É un libro de poesía infantil que parte dunha concepción lúdica, divertida e transgresora da poesía. Os poemas nacen de dúas fontes fundamentais: a poesía visual e a oralidade. Botando man do elemento gráfico para facer que os poemas se lean coma se fosen cadros e buscando a complicidade das cancións infantís, dos arrolos e das sortes.
.Ao longo das sesións, o alumnado achegouse á poesía visual a través de textos nos que as palabras, as letras e as imaxes forman parte do propio poema. O alumnado xogou coas rimas, cos sons e cos movementos que suxiren algunhas composicións, descubrindo novas formas de ler e interpretar os textos.
Unha das actividades que máis gustou foi a creación do noso propio zoo das palabras. A partir da mestura de distintos animais, os nenos/as inventaron seres fantásticos, puxéronlles nome e debuxáronos, dando renda solta á súa imaxinación.
Para rematar o curso, realizamos unha actividade de recordo na que cada participante coloreou o animal identificativo do seu equipo, escolleu o seu libro favorito, debuxou a súa portada preferida e coloreou algúns dos personaxes que máis lle gustaron das lecturas compartidas ao longo do ano.
2º CICLO: 3º e 4º de EP
Ao longo das primeiras sesións deste trimestre, rematamos de traballar arredor do libro, xa lido no 2º trimestre, “Somos os monstros”, de Paula Carballeira. Realizamos os nosos propios monstros. Primeiro, tiñan que crear un mosntro seguindo unhas pautas dadas. Logo, deseñaron o seu propio monstro. Quedaron todos fantásticos e iso que son monstros!
Tamén realizamos un KAHOOT de repaso final coas ideas principais desta obra.
A continuación, lemos o libro de narrativa “Fani & SúperDani”, de Ramón D. Veiga e Ignacio Hernández. Un libro reversible no que desfrutamos dos dous primeiros volumes “Dani quere ser superheroe“ e “Contra o caracol mutante”.
Nun primeiro momento, achegamos á rapazada ao mundo dos superheroes, preguntándolles se coñecían algúns, quenes eran os seus favoritos, que lles gustaría ter como súperpoder,… Ademais, crearon e colorearon os seus propios heroes ou heroínas.
A continuación, centrámonos no libro, onde Dani sempre soñou con ser un SUPERHEROE e, de tanto desexalo, acabou por conseguilo. Por sorte, Fani nunca sae de casa sen o seu bolígrafo e o seu caderno, disposta a contarche todo o que lle pase ao seu mellor amigo.
No volume 1, preséntasenos aos personaxes principais, superheroes e superheroinas que admiran e como conseguiu Dani os seus poderes.
No volumen 2, SúperDani enfróntase na súa primeira misión como superhéroe contra un caracol mutante, que decide atacar o colexio.
Dividimos cada volume en 2 metades, para que tivesen tempo a lelo, xa que coincidía co final de trimestre e de curso. Encantoulles esta obra, tanto pola temática, como pola forma na que está narrada, que fai que resulte moi sinxelo e atractivo de ler.
Para rematar, realizamos un KAHOOT final sobre este libro, mentres desfrutabamos dunha rica merendola.
3º CICLO: 5º e 6º de EP
O Club de Lectura do terceiro ciclo leu “Cartas de Inverno”, de Agustín Fernández Paz. Neste novela, nárrase a historia do escritor Xabier Louzao volve a Galicia, tras unha longa estadía en Québec e atópase coas cartas que o seu amigo Adrián lle escribira durante a súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que talvez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar.
Foi un trimestre breve, no que se perderon varias
sesións por diferentes casuísticas, o que obrigou a acelerar o paso da lectura.
A principal actividade realizada foi o intercambio de cartas de medo entre os
dous grupos de terceiro ciclo (5º e 6º de EP); misteriosas cartas pedindo
auxilio, relatando estraños sucesos ou ameazando a vida dos destinatarios
apareceron na biblioteca, obrigando aos seus receptores a respondelas,
ofrecendo axuda ou defendéndose dos seus atacantes.
Xunto a isto, tamén se deu apoio común á comprensión do libro, que ten
múltiples cambios de narrador/a que poden resultar confusos ós integrantes do
club. Puxeron en común as súas dúbidas respecto á obra para poder avanzar con
confianza.
Por último, cunha pequena merenda despediron xa o club, facendo un kahoot
final.
Así mesmo, como membros do club, tiveron dúas
actividadades como agasallo: unha andaina pola contorna natural e un obradoiro
de lingua de signos. De ambas as dúas, quedaron todos os participantes
encantados.
Foi un ano cheo de grandes lectores e lectoras. Esperamos vervos prontiño!
APERTAS!
O polbo Tintón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario