VISITA Á RESIDENCIA DOMUSVI
O pasado mércores 29 de maio nenos e nenas de 5º e 6º de EP, e que forman parte do voluntariado da biblioteca do noso centro, fixeron unha visita moi especial á residencia Domusvi, que se atopa próxima ao noso centro educativo.
-Tanto as nenas e nenos como un grupiño de 10 persoas usuarias da residencia presentáronse.
-Tres persoas usuarias ensináronlle ao noso alumnado os seus libros autobiográficos (é unha actividade que se está a desenvolver na residencia).
-Os nenos e nenas do CEIP Bergantiños foron lendo o conto "Quique na aldea", de Xosé Neira Vilas. Nesta obra os grandes protagonistas son os avós. Ao final desta entrada aparece un vídeo onde se pode ver un fragmento desta lectura.
-O alumnado realizou unha entrevista individual a cada persoa usuaria para coñecelos un pouco mellor e falar das cousas que lles gustaba facer cando eran máis novas.
-A visita rematou cunha merendola e tamén cun agasallo para a biblioteca de Tintón: dous exemplares do libro "Tobío" (obra feita a partir das experiencias e recordos de homes e mulleres usuarias de residencias de diferentes partes de Galicia).
Nos seguintes vídeos podedes ver fragmentos das entrevistas e tamén da lectura que fixeron os nenos e nenas.
Como conclusión podemos dicir que esta visita foi moi satisfactoria tanto para o noso alumnado como para as persoas usuarias da residencia. Desde aquí damos as grazas ao persoal de DomusVi Carballo polo ben que nos acolleron.
No hay comentarios:
Publicar un comentario