VISITAMOS O REXENERA FEST
Un ano máis, o alumnado do CEIP Bergantiños tivo a oportunidade de visitar o "Rexenera Fest". Este é un festival internacional de arte pública promovido polo Concello de Carballo que xa vai pola súa décima edición. Grazas a esta iniciativa a arte está presente a diario na nosa vila a través duns enormes murais que enchen de vida moitas paredes que antes estaban baleiras. Na seguinte ligazón podedes visitar a WEB OFICIAL DO REXENERA FEST.
Na presentación de fotos que aparece a continuación podedes ver a saída que fixeron no día de hoxe nenas e nenos de 2º de EP para observar diferentes murais que hai polas rúas próximas ao noso centro. A visita foi conducida por Maite, do Museo de Bergantiños, á que lle damos as grazas polo ben que nos explicou todas as curiosidades que se agochan detrás de cada mural.
As nenas e nenos ao longo do percorrido tiveron a sorte de poder coñecer de primeira man como traballaban os artistas. Foi o caso de Tamara Alves, unha artista portuguesa participante no festival e que foi tan amable de falarnos do mural que estaba a realizar; do artista Stom 500, procedente de Suíza e de Pablo Astrain de Euskadi. Tamén lles agradecemos que nos adicaran un anaquiño do seu tempo.
Ademais o alumnado ten ocasión de participar nunha das actividades desta edición do Rexenera Fest, consistente nunha busca do tesouro a través de pistas que van atopando en diferentes murais. Unha vez que atopen o tesouro serán recompensados cun pequeno agasallo que terán que recoller no Museo de Bergantiños. Para aquelas familias que esteades interesadas en participar nesta actividade, aquí queda a LIGAZÓN.
No hay comentarios:
Publicar un comentario