VOLUNTARIADO SOLIDARIO: VISITA Á RESIDENCIA DOMUS VI
Este xoves, 20 de novembro, os nenos e nenas que participan na liña de voluntariado solidario, dentro do voluntariado de lectura, fixeron a primeira visita do curso á RESIDENCIA DOMUS VI de Carballo. Acudiu alumnado de 5º de EP, acompañados do mestre de 6ºD de EP, Salvador Pena.
Nun primeiro momento, unha das traballadoras da residencia, fixo unha pequena presentación, onde promoveu o intercambio de ideas entre residentes e rapaces/zas sobre como eran os xoguetes antes e como son actualmente.
Tamén, compararon as clases e aulas da antiga escola coa actual. Para isto, mostraron fotografías de aulas da época do franquismo, material escolar da época e nº alumnado por aula.
A continuación, a rapazada leulle un conto aos maiores, titulado “TEÑO DEREITOS”, con motivo da conmemoración do Día Universal da Infancia.
Así mesmo, puideron xogar todos xuntos cunhas bonecas, feitas de papel.
Rematamos a xornada cunha merenda proporcionada polo persoal da residencia.
Como era de esperar, as nenas e nenos xa están contando os días para volver visitar a residencia. Que importante é non esquecer aos nosos maiores, gozar con eles e aprender moitísimo das súas experiencias vitais.
Non podemos despedirnos sen dar as grazas a todo o persoal da residencia que fai posible que se poidan levar a cabo estas experiencias tan enriquecedoras, así como ás persoas usuarias que tan amablemente e con tanto agarimo nos reciben e nos agasallan coas súas vivencias.
No hay comentarios:
Publicar un comentario