CLUBS DE LECTURA
Boa tarde, meus amiguiños e amiguiñas!
Como ben sabedes, este curso, estamos a desenvolver, un ano máis, uns Clubs de Lectura.
Ímosvos a
contar que libros leron ou están a ler e que actividades realizaron, ao longo deste 2º trimestre escolar.
1º CICLO: 1º e 2º de EP
O alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria está a ler o libro "Curriño: o can influencer", de Ledicia Costas. Curriño conta a historia dun can que se fai famoso nas redes, pero que aprende o valor da amizade.
Ao longo das sesións, o alumnado realizou distintas actividades para coñecer mellor ao personaxe: chuvias de ideas sobre o que sabíamos de Curriño e o porque do seu nome. Os nenos e nenas tamén elaboraron un marcapáxinas inspirado nesta personaxe.
Ademais, teatralizaron ao protagonista mediante a actividade “Curriño conxelado”, na que o alumnado representaba distintas situacións do conto e afondba nas súas emocións.
Por último, compararon como era Curriño antes e como é agora, recollendo os seus pensamentos e cambios ao longo da historia.
2º CICLO: 3º e 4º de EP
Ao longo das primeiras sesións deste trimestre, rematamos de ler as últimas lendas de tradición oral, do libro “Lendo lendas, digo versos”, traballado ao longo de todo o 1º trimestre.
Ao remate do mesmo, realizamos un KAHOOT, para repasar todas as lendas que aparecen nesta obra.
Foi un libro que lles encantou a todos os nenos e nenas.
A continuación, lemos o libro de teatro “Somos os monstros”, de Paula Carballeira. Comezamos a traballo arredor da figura da escritora Mary Shelley e a súa obra máis coñecida, “Frankenstein”, xa que as 2 aparecen ao inicio do libro.
En “Somos os monstros”, nárrase a historia dun neno e a súa irmá que se perden nun monte arrasado polo último incendio. Un monstro grande e un mostro pequeno habitan nese bosque. Nenos e monstros vanse atopar. O medo dá paso á curiosidade e comezan a interrogarse. Quen son os nenos e quen os monstros? Unha historia divertida e profunda sobre o medo ao descoñecido, que esculca na propia natureza humana, coa que a autora Paula Carballeira obtivo o X Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2018.
Afondamos no sentido e significado desta obra e do seu simbolismo, arredor dunhas preguntas clave.
Logo, representamos as distintas escenas que conforman este libro infantil.
Á volta de Semana Santa, remataremos de traballar arredor desta obra teatral, realizando cada un o seu propio monstro e desenvolvendo un KAHOOT, a modo de repaso de todo o traballado.
3º CICLO: 5º e 6º de EP
O Club de Lectura do terceiro ciclo leu “Cidades”, un libro de poemas de Fran Alonso, nos que se percorren diferentes cidades mínimas e imaxinarias.
“Cidades” converteuse nestes anos nun referente da poesía infantil debido, segundo a crítica, á súa vocación de actualizar temas e formas. No libro, entrañable e intimista, a cidade convértese nun ser vivo, o asfalto adquire vida, e a soidade e a rutina énchense de cores, olores e sabores. A través dun alento poético fondo e sincero, descúbrenos a emoción que latexa nas rúas e deita unha ollada tenra e rebelde sobre a vida desde a óptica da infancia e adolescencia.
Sobre este libro realizaron diversas actividades, diferenciadas
para 5º de EP e para 6º de EP:
- O alumnado de 5º, desenvolveron unha
maqueta, por grupos, na que cada un debía crear o seu anaco de cidade
apoiándose nun verso ou poema do libro.
- O alumnado de 6º, realizaron diferentes actividades como crear poemas a
partir de palabras dadas, pensar que palabras asociaríamos a Carballo e buscar
versos concretos dentro do libro, a modo de xogo/carreira.
En ambos niveis, tamén, se leron poemas en voz alta.
Os materiais de sexto quedaron expostos nun recuncho da biblioteca.
Continuamos á volta de Semana Santa cos derradeiros libros!
APERTAS!
O polbo Tintón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario