miércoles, 5 de junio de 2024

AS ACTIVIDADES DA NOSA BIBLIOTECA

Que pouquiño queda xa para que remate o curso!. Se por algo se caracterizou o curso 2023/24   na biblioteca do Polbo Tintón foi a diversidade de acontecementos e actividades que tiveron lugar en relación coa nosa biblioteca escolar: a súa remodelación, a creación do club de lectura, o voluntariado lector, os recreos de expertos/as e talentos, as lecturas en familia, etc., etc.

Aproveitamos a ocasión para dar as grazas a todo o alumnado participante, así como ao profesorado e tamén ás familias. Sen a participación e implicación de toda a comunidade educativa isto non sería posible. UN MILLÓN DE GRAZAS!!!!

Para que vos fagades unha idea botando unha simple ollada, aquí van as fotos dos calendarios de actividades da biblioteca de diferentes meses do curso:











VOLUNTARIADO LECTOR: LENDA EDUCATIVA.

No día de hoxe 10 nenos e nenas de 6º de E.P. visitaron o Centro de Educación Especial Lenda Educativa, situado en Coristanco, para levar a cabo unha actividade correspondente ao Voluntariado Lector.

Antes de comezar a dar conta das actividades realizadas, é necesario agradecer ao alumnado e ao equipo docente de CEE Lenda Educativa por abrirnos as súas portas e acollernos tan ben. Tanto para os nenos e nenas como para os docentes do noso centro foi unha experiencia enormemente positiva e enriquecedora. O feito de dar visibilidade e valor á diversidade funcional ten que estar sempre presente na sociedade en xeral e na escola en particular.


Compartiron parte da xornada con catro mozos e mozas que son alumnos deste centro: Antía, Zaida, Javi e Adam, con idades comprendidas entre os 17 e os 20 anos.


As actividades realizadas foron as que seguen:

-Presentación do alumnado do noso centro e tamén do alumnado e profesorado de Lenda Educativa.

-Lectura da obra "O carnaval dos animais" por parte dos nenos e nenas do CEIP Bergantiños.

-Realización de máscaras dos animais que aparecen no conto. Aquí o noso alumnado repartiuse para facer a actividade, de xeito que 5 nenos e nenas estaban con 2 alumnos do CEE. Mentres facían as máscaras charlaron, colorearon e cantaron.

-Cara o final da xornada tamén houbo tempo para que o alumnado de ambos centros gozase de xogos ao aire libre.

-Antes de marchar, os mozos e mozas de Lenda Educativa obsequiaron ao noso alumnado cuns marcapáxinas feitos por eles no centro.

Na seguinte presentación de fotos podedes ver un resumo en imaxes de todo o que vos acabamos de contar:


A continuación tedes algúns vídeos das nenas e nenos do CEIP Bergantiños lendo o conto, para que vexades o ben que o fixeron:







ENCONTRO CON IRIA MISA.

Este luns, 3 de xuño, alumnado de 5º e 6º de EP participou nun encontro virtual con Iria Misa, a autora dun dos libros sobre os que se traballou no club de lectura da biblioteca de Tintón: "Mamá, quero ser Ziggy Stardust". 

Desde aquí agradecémoslle enormemente a Iria que nos adicara parte do seu tempo a falarlle ao alumnado do noso centro desta obra e do seu proceso de creación.



Podemos dicir que os nenos e nenas tiveron o privilexio de poder ter un encontro coas dúas autoras das obras obxecto de análise no club de lectura: Xulia Pisón (tedes toda a información desta visita nunha entrada publicada o 2 de maio) e Iria Misa.


Durante este encontro Iria faloulles ás nenas e nenos da creación das personaxes, das cousas nas que se inspirou durante o proceso creativo da novela, do seu gusto pola música, o cine e a lingua inglesa (Iria é profesora de inglés en Educación Secundaria).


Tamén se falou do final do libro e abriuse un pequeno debate. O alumnado tivo ocasión de facerlle preguntas; aquí van algúns exemplos: se faría unha segunda parte desta novela, canto tempo lle levaba escribir unha obra ou se se gañaban moitos cartos coa escritura.

Deixámosvos unha pequena mostra deste encontro no seguinte vídeo:





RECREOS DE TALENTOS: BANDEIRAS.

O pasado venres 31 de maio Tadeo, alumno de 2º de EP, deixou abraiados aos nenos e nenas que asistiron ao recreo de talentos coa enorme capacidade de identificación de bandeiras de países de todo o mundo.


Nos vídeos que aparecen a continuación podedes ver o gran talento e rapidez de Tadeo no recoñecemento das bandeiras:




O alumnado asistente a este recreo de talentos tamén se animou a poñer a proba os seus coñecementos sobre as bandeiras de diferentes países do mundo:





lunes, 3 de junio de 2024

ENQUISA SOBRE O FUNCIONAMENTO DA BIBLIOTECA.



Achégase o fin de curso e desde o equipo de biblioteca do centro queremos coñecer a opinión da comunidade educativa sobre o funcionamento da mesma e das actividades propostas, co obxectivo de coñecer os seus puntos fortes é débiles e poder introducir as melloras necesarias para o futuro.  

Con este obxectivo foron elaborados tres formularios (para o alumnando, para as familias e para o equipo docente). Por favor, pedímosvos uns minutiños do voso tempo para que  cubrades o formulario que vos corresponda e coñecer así a vosa opinión. 


ENQUISA PARA O ALUMNADO (5º e 6º de E.P.)


ENQUISA PARA AS FAMILIAS


ENQUISA PARA O EQUIPO DOCENTE


Moitas grazas pola vosa participación!




RECREO DE EXPERTOS/AS: LINGUA DE SIGNOS.

O pasado martes na biblioteca de Tintón houbo unha nova edición dos "Recreos de expertos/as". Nesta ocasión, catro nenas de 1º de E.P. (Nayet, Ashley, Sofía e Abril) ensináronnos un montón de palabras en lingua de signos.




Nos seguintes vídeos tedes unha mostra do ben que saben expresarse estas nenas na lingua de signos. No primeiro fan uns exercicios de quencemento antes de comezar:


A continuación fan as letras do alfabeto:



Nos dous vídeos que seguen podemos ver como se din os días da semana e os meses do ano en lingua de signos:






Finalmente podemos apreciar o dominio que teñen estas catro alumnas á hora de signar as cores que lles vai indicando a súa mestra:


Dámoslle un forte aplauso ás catro e tamén a Laura, á súa mestra, así como a todo o profesorado do centro que inclúe a lingua de signos no día a día da aula. É fundamental que se poña en valor a importancia de aprender diferentes formas de comunicación e contribuír á eliminación de barreiras comunicativas xa desde as primeiras etapas educativas.




VISITA Á RESIDENCIA DOMUSVI

O pasado mércores 29 de maio nenos e nenas de 5º e 6º de EP, e que forman parte do voluntariado da biblioteca do noso centro,  fixeron unha visita moi especial á residencia Domusvi, que se atopa próxima ao noso centro educativo. 


Na presentación de fotos que aparece a continuación podedes ver un resumo das actividades que se realizaron durante dita visita:

-Tanto as nenas e nenos como un grupiño de 10  persoas usuarias da residencia presentáronse.

-Tres persoas usuarias ensináronlle ao noso alumnado os seus libros autobiográficos (é unha actividade que se está a desenvolver na residencia).

-Os nenos e nenas do CEIP Bergantiños foron lendo  o conto "Quique na aldea", de Xosé Neira Vilas. Nesta obra os grandes protagonistas son os avós. Ao final desta entrada aparece un vídeo onde se pode ver un fragmento desta lectura.

-O alumnado realizou unha entrevista individual a cada persoa usuaria para coñecelos un pouco mellor e falar das cousas que lles gustaba facer cando eran máis novas.

-A visita rematou cunha merendola e tamén cun agasallo para a biblioteca de Tintón: dous exemplares do libro "Tobío" (obra feita a partir das experiencias e recordos de homes e mulleres usuarias de residencias de diferentes partes de Galicia).


Nos seguintes vídeos podedes ver fragmentos das entrevistas e tamén da lectura que fixeron os nenos e nenas.



Como conclusión podemos dicir que esta visita foi moi satisfactoria tanto para o noso alumnado como para as persoas usuarias da residencia. Desde aquí damos as grazas ao persoal de DomusVi Carballo polo ben que nos acolleron.




  CLUBS DE LECTURA Boa tarde, meus amiguiños e amiguiñas! Como ben sabedes, este curso, estamos a desenvolver uns ...