viernes, 6 de junio de 2025

RECOMENDACIÓN LECTORA PARA O DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE.

Este xoves, 5 de xuño, celebrouse o DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE  e as nenas e nenos de 5º de E.I. do noso centro quixeron facer unha recomendación lectora a través deste conto:


Trátase dun conto que algunha vez estivo editado en castelán pero que agora mesmo está descatalogado e só está dispoñible en inglés. Aínda así a súa comprensión é moi asequible, xa que as imaxes expresan moi ben a mensaxe que esta obra pretende transmitir: con pequenos xestos do día a día podemos facer grandes contribucións para coidar o noso planeta. 

Neste vídeo podedes ver o conto contado polo alumnado de Educación Infantil:






 

RECREO DE EXPERTOS/AS: TEORÍA DA EVOLUCIÓN (2ª PARTE).

A semana pasada Julio (6º E.P.) e Xan (4º E.P.) fixeron unha presentación moi interesante sobre a teoría da evolución. Como tiñan aínda moitas cousas máis que contarnos, este martes centráronse nos fósiles. Trouxeron varias mostras de fósiles e estiveron falando sobre eles. Desde aquí felicitámolos por saber tanto sobre a Historia Natural e sobre todo por compartilo connosco. 









AS PROFESIÓNS NA BIBLIOTECA DE TINTÓN.

Durante as últimas semanas houbo varias familias de alumnado de 1º de E.P.  que se achegaron á nosa biblioteca para falar das súas profesións: nutricionista, dentista, hixienista dental, costureira, axente de viaxes e artesán de xeados. Desde aquí queremos darlles as grazas por dedicarnos un anaquiño do seu tempo para vir a presentarnos as súas profesións dun xeito tan ameno. A modo de recordo, desde a biblioteca agasallóuseas cunha candea que fixeron as persoas usuarias da asociación Íntegro (asociación coa que, como xa sabedes, colaboramos no voluntariado solidario de lectura).


Na presentación de fotos que aparece seguidamente podedes ver algúns momentos destes encontros coas familias:



OBRADOIRO DE IMPRESIÓN TIPOGRÁFICA.

Aí vai unha entrada que esquecimos incluír no blog.....na biblioteca de Tintón temos tanta actividade que ás veces escápansenos cousas. 

Durante a celebración da Semana do Libro e da Lectura tivemos o gusto de ter na biblioteca un obradoiro de impresión cunha imprenta ambulante: ALOUETTE MACHINE imprenta tipográfica ambulante. 


No vídeo que aparece seguidamente podedes ver como é esta imprenta:


O alumnado participante no obradoiro (nenos e nenas de 5º de E.P.) puxo a traballar a súa creatividade para elaborar uns carteis para a exposición da biblioteca Rego da balsa, con motivo da celebración da Semana do libro e da lectura. Na presentación de fotos que aparece a continuación tedes o resultado:





SESIÓN DO CLUB DE LECTURA (2º CICLO DE E.P.).

Este martes o alumnado do 2º ciclo de E.P. (3º e 4º curso) que forma parte do club de lectura tivo unha nova sesión do mesmo. Recordamos que a lectura sobre a que están traballando é a obra "Al teatro con Rodari". Na primeira parte da sesión repatiron os papeis para representar unha das obras que aparece no libro, pois esta lectura pertence ao xénero dramático. Nunha segunda parte da sesión estiveron vendo máis habitacións secretas (esta actividade está relacionada co libro que leron antes de "Al teatro con Rodari"). Nas fotos que aparecen a continuación podedes ver canta creatividade amosa o noso alumnado:




Antes de dar por concluída a sesión, había unha sorpresa para as nenas e nenos: tiñan que levar para a casa unha autorización para unha saída de sendeirismo que se realizará o 13 de xuño.








 

lunes, 2 de junio de 2025

SESIÓN DE CLUB DE LECTURA (3º CICLO DE E.P.).

Este luns tivo lugar a novena sesión do club de lectura do alumnado de 5º e 6º de E.P. Nunha primeira parte da sesión as nenas e nenos estiveron rematando o deseño do seu avatar (é unha das tarefas pertencentes á lectura do libro anterior " Wombo Combo" ).



A continuación, e centrados xa na lectura actual, comezaron unha tarefa consistente en idear un mundo fantástico. A idea parte do feito de que en "Incoloro" existe un lugar de ficción chamado Aórtica, con fauna e flora propia.



Quedamos á espera de coñecer eses mundos fantásticos creados a partir da imaxinación do noso alumnado!




OS O.D.S. NA BIBLIOTECA DE TINTÓN: VIDA SUBMARINA.

No día de hoxe na biblioteca de Tintón tivo lugar a derradeira das exposicións sobre os Obxectivos de Desenvolvento Sostible (O.D.S.), o dedicado á vida submarina. Primeiramente vimos un vídeo sobre este obxectivo; a continuación o alumnado asistente falou daquelas accións que poden facer para contribuír á conservación da vida nos mares e océanos (non tirar lixo nas praias nin no mar, facer un consumo responsable do peixe, etc.).  


Dentro das accións para a conservación dos nosos mares e océanos nas que directamente poden ter un papel importante os nenos e nenas falouse do prexudiciais que son os microplásticos, concretamente o uso de purpurina non biodegradable e ofrecéronse alternativas ao uso deste produto tan común e, sen embargo, tan pouco beneficioso para a fauna e flora mariña.


A tarefa proposta foi a decoración dunha frase relativa ao uso deste material empregando purpurina feita con materiais respectuosos co medio ambiete como o sal ou a casca de ovo.

Purpurina caseira biodegradable.













  CLUBS DE LECTURA Boa tarde, meus amiguiños e amiguiñas! Como ben sabedes, este curso, estamos a desenvolver uns ...