sábado, 9 de noviembre de 2024

VOLUNTARIADO SOLIDARIO: VISITA Á BIBLIOTECA DO ALUMNADO DE LENDA EDUCATIVA.

Este venres varios alumnos e alumnas do Centro de Educación Especial LENDA EDUCATIVA visitaron a biblioteca do Polbo Tintón. Foron recibidos por estes nenos e nenas do noso centro de 5º e 6º de E.P., que participan no Voluntariado de Biblioteca: Daniela, Elena, Samara, Helena, Iria, Pape, Irene, Olivia, Aritz e Mara.

A visita comezou na biblioteca, onde o noso alumnado lles amosou este espazo ás nenas e nenos de Lenda Educativa. Tamén lles explicaron o proxecto sobre o que estamos a traballar este curso (Xulio Verne) e presentáronlles ao Polbo Tintón.

A continuación realizaron unha actividade co conto "Ratos na escola". O alumando do noso centro leulles esta historia e, a medida que ían lendo, aparecían pistas para atopar uns ratiños polo centro. Unha vez tiveron as pistas foron por distintos espazos da escola para atopar todos os ratos. Estes ratos levounos o alumnado de Lenda Educativa para o seu centro coa idea de facer alí outra actividade cando o noso alumnado visite a súa escola.

A visita rematou cunha doazón de libros da nosa biblioteca para o centro dos nenos e nenas que nos viñeron visitar. 




martes, 29 de octubre de 2024

LECTURAS DE SAMAÍN

Durante o día de onte e hoxe o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria realizou voluntariado de lectura para as nenas e nenos de Educación Intantil e 1º, 2º e 3º de E.P.

En colaboración co Equipo de Dinamización de Lingua Galega do noso centro organizouse unha actividade na que se leron títulos como: "Mortiña", "A bruxa regañadentes", "Morto de fame", "A bruxa", entre outros.



No seguinte vídeo tedes unha pequena mostra desta actividade:


Na presentación de fotos que aparece a continuación podedes ver fotos deste voluntariado lector terrorífico:







jueves, 24 de octubre de 2024

 DÍA DAS BIBLIOTECAS 

Cada 24 de outubro celébrase o Día Internacional das Bibliotecas e na biblioteca de Tintón non podiamos esquecer este día tan especial.

 Por que esta conmemoración se celebra o 24 de outubro? Podedes averigualo AQUÍ

Na seguinte ligazóns tedes máis información  sobre o Día das Bibliotecas, cuxo lema nesta edición é "Por un futuro sostible":

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

MINISTERIO DE CULTURA

Unha das actividades que lle propuxemos ao alumnado do centro foi a elaboración de portadas dos seus libros favoritos, de tal xeito que a biblioteca acollese un gran mural con recomendacións lectoras para todas as idades e gustos literarios. Este foi o resultado:





Na presentación de fotos que aparece a continuación podedes ver máis de preto as diferentes portadas elaboradas polos nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria do noso colexio. Desde aquí dámoslles un forte aplauso por crear unhas portadas tan fermosas para recomendar lecturas.



Outra das actividades propostas desde a biblioteca de Tintón, e dirixida a toda a comunidade educativa, foi a de compartir fotos lendo un libro no noso lugar preferido, nunha postura graciosa, nun espazo especial, etc. Con este obxectivo creouse un Padlet para que tanto docentes como familias puidesen subir as fotos. 





Premendo AQUÍ podedes ter acceso ao Padlet.

Non podemos despedirnos sen agradecer a todos os membros da comunidade educativa a súa participación nesta proposta.






lunes, 14 de octubre de 2024

CONMEMORACIÓN DO DÍA DAS ESCRITORAS.

Hoxe, 14  de outubro, celébrase o Día das escritoras e a biblioteca de Tintón tamén quixo participar nesta homenaxe a todas as mulleres escritoras. O lema escollido foi:

"Non queremos permanecer nas sombras"





A actividade proposta ("Quero ser escritora") xirou arredor da creación literaria por parte das alumnas do noso centro. Algunha delas xa trouxo un relato creado na casa e outras animáronse a escribir na biblioteca durante o tempo de lecer. Ao longo desta semana poderán darlle continuidade a estas historias ou crear unhas novas, en calquera xénero literario (relato, poesía, teatro, banda deseñada, etc.).









viernes, 11 de octubre de 2024

DOAZÓN DE LIBROS Á ASOCIACIÓN ÍNTEGRO.

Este martes na biblioteca de Tintón recibimos a catro persoas usuarias da Asociación Íntegro (Asociación das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte) para facerlles entrega dunha caixa de libros. Premendo AQUÍ podedes atopar información sobre a Asociación Íntegro.



Esta actividade inaugurou a liña de Lecturas Solidarias do voluntariado da nosa biblioteca. Trátase de actividades nas que o fío condutor é a lectura, e a través das cales o alumnado entra en contacto con persoas usuarias de  asociacións e entidades da contorna.

Nesta ocasión os nenos e nenas do voluntariado de biblioteca amosáronlle este espazo ás catro persoas usuarias que acudiron ao noso centro. Posteriormente estiveron elaborando de maneira conxunta dous murais (un para o noso cento e outro para Íntegro), polo que tocou pintar, recortar, pegar e poñer sinaturas nas burbullas que saían da pote.

Antes de facerlles entrega da caixa de libros quitaron unhas fotos de grupo para recordar este día tan especial.

Na seguinte presentación de fotos podedes ver todas estas cousas que vos acabamos de contar.





VOLUNTARIADO DE BIBLIOTECA

Do mesmo xeito que viñemos facendo o pasado curso, darémoslle continuidade á participación da biblioteca do noso centro na iniciativa "BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS".

Esta actividade está dirixida a toda a rapazada de 5º e 6º de Educación Primaria que se anime a participar en calquera das tres liñas do programa: "Recreos", "Lectura aos peques" e "Lectura solidaria".

Desde aquí animámosvos a participar nesta iniciativa que tan boa acollida tivo o curso pasado tanto dentro como fóra da comunidade educativa.

Na seguinte infografía atoparedes toda a información.









jueves, 26 de septiembre de 2024

PRESENTACIÓN DO PROXECTO DE CENTRO.

A biblioteca de Tintón está de volta tras as vacacións! Faino por todo o alto, encargándose de presentar o proxecto que será o fío condutor de moitas das actividade do CEIP Bergantiños durante este curso 2024/25.

Dado que no 2025 se cumpren 120 anos do falecemento do xenial escritor Xulio Verne, o claustro do noso centro decidiu que o proxecto do mesmo xirase arredor da súa figura e obra.

Durante esta semana o alumnado de E.P. e de E.I. achegouse á biblioteca do polbo Tintón para descubrir o que se agochaba no interior dunha misteriosa maleta.




Dentro da maleta había diferentes obxectos relacionados coas historias creadas por Xulio Verne: unha lúa, un polbo, unha gorra de capitán, etc.



A continuación os nenos e nenas tiveron que mirar debaixo das cadeiras para ver se aparecía algunha pista sobre o personaxe misterioso relacionado coa maleta; despois de mirar apareceron varias letras e ao ilas combinando deron coa resposta:








Para rematar estas sesións de presentación do proxecto o alumnado visualizou un vídeo no que se falaba deste escritor e da súa obra. 





A continuación podedes ver o vídeo creado para os nenos e nenas de Educación Primaria:



E este é o vídeo dirixido aos máis cativos do centro, as nenas e nenos de Educación Infantil:



Unha vez feitas as diferentes presentacións podemos dicir que o alumnado amosou moito entusiasmo por descubrir, investigar e profundizar nos mundos de fantasía creados por este escritor universal.

Queda todo un curso por diante para mergullarnos nestas obras tan cheas de aventura e imaxinación, así que non deixedes de visitar o noso blog e redes sociais para estar ao día de todas as actividades que vaiamos facendo.




  VISITA DE MIRIAM ALLER ÁLVAREZ - LINGUA DE SIGNOS Boa tarde, cativiños e cativiñas! Na mañá de hoxe, contamos coa v...