jueves, 26 de septiembre de 2024

PRESENTACIÓN DO PROXECTO DE CENTRO.

A biblioteca de Tintón está de volta tras as vacacións! Faino por todo o alto, encargándose de presentar o proxecto que será o fío condutor de moitas das actividade do CEIP Bergantiños durante este curso 2024/25.

Dado que no 2025 se cumpren 120 anos do falecemento do xenial escritor Xulio Verne, o claustro do noso centro decidiu que o proxecto do mesmo xirase arredor da súa figura e obra.

Durante esta semana o alumnado de E.P. e de E.I. achegouse á biblioteca do polbo Tintón para descubrir o que se agochaba no interior dunha misteriosa maleta.




Dentro da maleta había diferentes obxectos relacionados coas historias creadas por Xulio Verne: unha lúa, un polbo, unha gorra de capitán, etc.



A continuación os nenos e nenas tiveron que mirar debaixo das cadeiras para ver se aparecía algunha pista sobre o personaxe misterioso relacionado coa maleta; despois de mirar apareceron varias letras e ao ilas combinando deron coa resposta:








Para rematar estas sesións de presentación do proxecto o alumnado visualizou un vídeo no que se falaba deste escritor e da súa obra. 





A continuación podedes ver o vídeo creado para os nenos e nenas de Educación Primaria:



E este é o vídeo dirixido aos máis cativos do centro, as nenas e nenos de Educación Infantil:



Unha vez feitas as diferentes presentacións podemos dicir que o alumnado amosou moito entusiasmo por descubrir, investigar e profundizar nos mundos de fantasía creados por este escritor universal.

Queda todo un curso por diante para mergullarnos nestas obras tan cheas de aventura e imaxinación, así que non deixedes de visitar o noso blog e redes sociais para estar ao día de todas as actividades que vaiamos facendo.




jueves, 20 de junio de 2024

OBRADOIRO DE MANGA E COLLAGE.

Hai uns días tivemos a satisfacción de anunciar que a biblioteca do noso centro recibiu un recoñecemento polas actividades realizadas en relación ao voluntariado de lectura. Dito recoñecemento veu acompañado dunha dotación económica que foi destinada á realización dun obradoiro de manga e collage impartido por  e que se celebrou no día de hoxe. Os obradoiros foron impartidos por Estudo Garabato e Carlos Gallego.


Na seguinte presentación de fotos podedes ver que traballos tan creativos fixeron as nenas e nenos que asistiron aos obradoiros, os cales participaron durante este curso nalgunha das liñas das Bibliotecas Escolares Solidarias (voluntariado de lectura e axudantes de biblioteca durante os recreos):




martes, 18 de junio de 2024

ÚLTIMA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA.

O último luns deste curso tivo lugar na biblioteca de Tintón a última sesión do club de lectura deste curso. Nela o alumnado participante estivo facendo un repaso do último libro no que se centrou o club: "Mamá, quero ser Ziggy Stardust". Para iso María e Yolanda, as mestras encargadas de dinamizar o club de lectura, propuxeron un Kahoot consistente en 42 preguntas.






Ao finalizar o Kahoot as nenas e o neno integrantes do club de lectura remataron o mural que foron facendo en pasadas sesións. Quedoulles así de bonito:



A experiencia do club de lectura inaugurado este curso foi moi gratificante tanto para o alumando como para as mestras que o coordinaron, polo que agardamos que o próximo curso máis nenos e nenas se animen a participar nesta proposta que se ofrece desde a biblioteca do noso centro.






REPRESENTACIÓN TEATRAL DA RATIÑA PRESUMIDA EN INGLÉS.

O pasado venres 14 de xuño os nenos e nenas de 2º de Educación Primaria achegáronse ao ximnasio de Educación Infantil e ás aulas de 1º de primaria para facer unha representación teatral dun conto clásico da literatura infantil como é "A ratiña presumida", ou, mellor dito, "Pretty Ritty", xa que a representaron en inglés. Desde aquí queremos dar as grazas tanto ao alumnado como á teacher Teresa, que foi a encargada de preparar esta representación que tanto lle gustou ao alumnado máis cativo da nosa escola.







Nos vídeos que aparecen a continuación podedes ver o ben que fixeron as representacións teatrais.






sábado, 15 de junio de 2024

AGRADECEMENTO AO ALUMNADO  DO VOLUNTARIADO DE LECTURA

Este xoves o alumnado de Educación Infantil e de 1º e 2º de Educación Primaria quixo dar as grazas aos padriños e madriñas do voluntariado lector (alumnado de 5º e 6º de Educación  Primaria) por todos eses momentos tan máxicos que lles fixeron pasar a través da lectura de contos que realizaron durante este curso.



Nesta última sesión do voluntariado de lectura o alumnado de E.I. e 1º e 2º de E.P. fixo entrega aos nenos e nenas de 5º e 6º dunha serie de agasallos que realizaron con moita ilusión ao longo destes días nas aulas. 

No seguinte vídeo tedes unha mostra do emocionados que estaban os nenos e nenas de 1º e 2º de E.P. ante a apertura dos agasallos por parte dos maiores.


Na presentación de fotos que aparece seguidamente podedes ver un resumo desta última sesión de voluntariado de lectura do curso tan especial, chea de agarimo e agradecemento.





sábado, 8 de junio de 2024

RECOÑECEMENTO AO VOLUNTARIADO DE LECTURA

Temos a satisfacción de anunciar que a bilbioteca de Tintón acaba de recibir, xunto con outros 10 centros de Galicia, un recoñecemento polo labor desenvolvido a través do Voluntariado de Lectura. Este recoñecemento vén acompañado dunha dotación económica de 600 euros para destinar a actividades como a escrita creativa, a elaboración do booktrailers, os xogos cooperativos e tradicionais, etc.


Desde aquí damos mil grazas a todo o alumnado que participou no Voluntariado de Lectura, pois sen a súa colaboración non sería posible levar a cabo esta actividade.

Puideron gozar das lecturas que prepararon estas nenas e nenos de 5º e 6º de EP tanto o alumnado máis cativo do noso centro (EI e 1º ciclo de EP) como persoas de diversas idades de outros centros e asociacións da comarca de Bergantiños (AFABER, DOMUSVI e o CEE LENDA EDUCATIVA). 

A continuación tedes varias ligazóns para ver en que consistiron estas actividades:







CONMEMORACIÓN DAS LETRAS GALEGAS

Na biblioteca de Tintón seguimos a facer balance deste curso que está a piques de rematar. Unha das conmemoracións que ten relación directa coa bilbioteca, os libros e a lectura é o Día das Letras Galegas, que este ano foi adicado a Luísa Villalta. No noso centro foi o Equipo de Dinamización da Lingua Galega o encargado de organizar e coordinar as diferentes actividades que se levaron a cabo. A actividade central foi a elaboración, por parte do alumnado das etapas de EI e EP, de prendas de roupa que tiñan rotuladas palabras que aparecen nos textos da autora homenaxeada. Estas prendas foron colocándose nun tendal, á vez que nenos e nenas recitaban poemas de Luísa. 






Na etapa de Educación Infantil as nenas e nenos fixeron un montón de flores e persoas para decorar un gran mural que se colocou na entrada do edificio de infantil. O mural representa un fermoso parque primaveral dedicado a Luísa Villalta.





  CLUBS DE LECTURA Boa tarde, meus amiguiños e amiguiñas! Como ben sabedes, este curso, estamos a desenvolver uns ...