viernes, 14 de noviembre de 2025

 

RECREO DE TALENTOS: CHISTES

No día de hoxe, venres 14 de novembro de 2025, deron comezo os recreos de talentos.

Ao igual que o curso pasado, cada venres, un ou varios alumnos/as do noso centro educativo expoñerán ao resto dos seus compañeiros/as un talento ou unha habilidade que posúan.

Hoxe, os alumnos Mateo (3ºA), Aarón, Teo, Lucas e Antón, de 5º de EP, deleitaron a un numeroso público asistente contando diversos chistes.

Non faltaron as gargalladas; animaron tanto ao público asistente que conseguiron que algún e algunha delas saíse ao escenario a contar tamén chistes.

Grazas por tantas risas, rapaces!

 






MOITAS GRAZAS, AARÓN, TEO, LUCAS, ANTÓN E MATEO!

O polbo Tintón.



martes, 11 de noviembre de 2025

 

RECREO DE EXPERTOS: XADREZ

No día de hoxe, martes 11 de novembro de 2025, deron comezo os recreos de expertos.

Ao igual que o curso pasado, cada martes un ou varios alumnos/as do noso centro educativo impartirán un pequeno obradoiro sobre un ámbito ou área.

Hoxe, os alumnos Thiago (3ºA), Mateo e Hugo (3ºB), xunto con Mario (6ºD) impartiron un obradoiro de xadrez.

Comentaron a colocación das pezas, así como o movemento que pode realizar cada figura.

Logo, iniciaron distintas partidas para ver ademais de primeira man diferentes estratexias e tácticas.

 


Como se nos quedou o tempo moi curto e como os expertos querían dar explicacións a un nivel máis intermedio e experto, realizaremos nas vindeiras semanas unha actividade realizada co xadrez. Estade atentos/as!


MOITAS GRAZAS, THIAGO, MATEO, HUGO E MARIO!

O polbo Tintón.




 

MES DE NOVEMBRO DE 2025

     Aquí tedes o calendario deste mes de novembro, no que poderedes consultar todas as actividades que desenvolveremos na biblioteca ao longo do mesmo.

 

 
 
 

APERTAS!

O polbo Tintón.




jueves, 6 de noviembre de 2025

 

VOLUNTARIADO SOLIDARIO: VISITA DE ÍNTEGRO

No día de hoxe recibimos na biblioteca de Tintón a visita de varias persoas usuarias da asociación ÍNTEGRO.

A visita á nosa biblioteca enmárcase dentro da conmemoración CONTRA O ACOSO ESCOLAR (BULLYING).

Para o alumnado voluntario da aula de 5ºA de EP, esta foi unha experiencia enormemente enriquecedora, pois tiveron a ocasión de escoitar de primeira man os testimonios destes mozos mozas; falaron de   experiencias persoais negativas que viviron na infancia (falaron de humillacións e acoso escolar) e tamén no momento actual (verse tratados como se fosen aínda nenos e nenas en lugar de persoas adultas, ocultarlles información, sobreprotección, etc.).

As persoas usuarias de Íntegro e o alumnado do noso centro realizaron unha actividade conxunta, composta por 4 estacións:

1.    “As palabras que doen”: cambiaron expresións ferintes por outras amables e agarimosas.

 

2.    “O noso espazo positivo”: debían destacar persoas que lles evocasen cousas positivas, como facelas rir, axudalos/as sempre,…



 

3.    “Como me sinto”: plantexábaselles unha situación e tiñan que escribir que emocións ou sentimentos sentirían na mesma.

 



 

4.    “Eu podo axudar cando…”: pensar en pequeno grupo situacións nas que poderían axudar a unha persoa, especificando o modo de levar a cabo esta axuda.

 

 


 

Non nos queremos despedir sen darlle as grazas a estes mozos e mozas por falarnos das súas vivencias en relación á discapacidade, así como á asociación Íntegro pola súa boa disposición para colaborar coas propostas do voluntariado solidario da nosa biblioteca, así como pola gran labor que desempeñan no seu día a día. Vémonos na vindeira visita!

 



                                                                    Saúdos! 

O polbo Tintón.

 





lunes, 27 de octubre de 2025



CLUB DE LECTURA: 4º DE EP

Boa tarde, rapaces e rapazas!

No día de hoxe, botou a andar un curso máis a iniciativa dos clubs de lectura.

Hoxe, comezou esta andaina o club de lectura de 4º de EP, guiado pola mestra María José Zas Lista. Dito club conta con 17 alumnos/as e desenvolverán encontros semanais todos os luns, durante o Proxecto Lector.

Empezaron falando dos obxectivos e dos compromisos desta dinámica de traballo, así como dos libros que lerán ao longo deste curso.

 

 

 

 

 

Remataron a sesión, cumplimentando un carné, o cal os identificará como membros deste club.

 

 

 

Saúdos!

O polbo Tintón.

 


 


viernes, 24 de octubre de 2025

 

PRESENTACIÓN DO PROXECTO DO CENTRO: “CÓNTAME UN CONTO” - ACTUACIÓN COMPLETA

 

Boa tarde, meniños/as e familias!

Como xa vos contei na miña anterior publicación, o martes 21 de outubro desvelamos o proxecto do noso centro educativo para o presente curso académico, chamado "Cóntame un conto".

Velquí podedes ver a actuación completa desenvolta polas grandísimas mestras Laura Rodríguez Fariña (3ºB) e Verónica Quintero Castro (3ºC), clicando na seguinte imaxe:

 


 

Desfrutade da súa actuación, tanto como o fixemos nós!

 

    Apertas!

O polbo Tintón

miércoles, 22 de octubre de 2025

 

PRESENTACIÓN DO PROXECTO DO CENTRO: “CÓNTAME UN CONTO”

 

Boa tarde, cativiños e cativiñas!

No día de onte, vivimos un día cheo de ledicia, sorrisos e sorpresas. Por fin, desvelamos o proxecto do noso centro educativo para o presente curso académico, chamado "Cóntame un conto".

As encargadas de levar a cabo a presentación foron as titoras de Educación Primaria Laura Rodríguez Fariña (3ºB) e Verónica Quintero Castro (3ºC), membros ambas as dúas do Equipo de Biblioteca do centro.

 

Comezaron recordando o proxecto do curso pasado, sobre a figura de Julio Verne.

Prepararon e desenvolveron unha pequena obra teatral, na que se realizaba unha viaxe ao pasado, hai uns 100 anos, onde a vida non se rexía polas novas tecnoloxías.

 


Na obra, podíamos ver a unha avoa, Teresa, intentando contarlle un conto ás súas netas, a cal era interrompida continuamente por un dos irmáns Grimm. Así, pouco a pouco foron desvelando a temática do centro e en que nos centraremos ao longo de cada trimestre:

1º TRIMESTRE: contos de tradición oral.

2º TRIMESTRE: contos clásicos.

3º TRIMESTRE: contos doutros países e culturas.

 

Velaquí podedes ver parte da súa grandísima actuación, clicando na seguinte imaxe:

 

            Por último, visionamos un vídeo sobre a temática do proxecto, elaborado polo Equipo de Biblioteca. Podedes velo a continuación:

 


                Pedimos desculpas pola calidade dos vídeos, xa que houbo que comprimilos para poder subilos a esta publicación.

 

            Desde aquí, gustaríanos agradecer o gran esforzo levado a cabo por Laura e Verónica, así como eloxiar a súa imaxinación, creatividade e paixón polo seu traballo e en cada tarefa que levan a cabo. Grazas, de corazón!


            Agora, tócavos a vós, aos nenos e nenas, poñervos mans á obra!

 

APERTAS!

O polbo Tintón.



  CLUBS DE LECTURA Boa tarde, meus amiguiños e amiguiñas! Como ben sabedes, este curso, estamos a desenvolver uns ...