sábado, 8 de junio de 2024

RECOÑECEMENTO AO VOLUNTARIADO DE LECTURA

Temos a satisfacción de anunciar que a bilbioteca de Tintón acaba de recibir, xunto con outros 10 centros de Galicia, un recoñecemento polo labor desenvolvido a través do Voluntariado de Lectura. Este recoñecemento vén acompañado dunha dotación económica de 600 euros para destinar a actividades como a escrita creativa, a elaboración do booktrailers, os xogos cooperativos e tradicionais, etc.


Desde aquí damos mil grazas a todo o alumnado que participou no Voluntariado de Lectura, pois sen a súa colaboración non sería posible levar a cabo esta actividade.

Puideron gozar das lecturas que prepararon estas nenas e nenos de 5º e 6º de EP tanto o alumnado máis cativo do noso centro (EI e 1º ciclo de EP) como persoas de diversas idades de outros centros e asociacións da comarca de Bergantiños (AFABER, DOMUSVI e o CEE LENDA EDUCATIVA). 

A continuación tedes varias ligazóns para ver en que consistiron estas actividades:







CONMEMORACIÓN DAS LETRAS GALEGAS

Na biblioteca de Tintón seguimos a facer balance deste curso que está a piques de rematar. Unha das conmemoracións que ten relación directa coa bilbioteca, os libros e a lectura é o Día das Letras Galegas, que este ano foi adicado a Luísa Villalta. No noso centro foi o Equipo de Dinamización da Lingua Galega o encargado de organizar e coordinar as diferentes actividades que se levaron a cabo. A actividade central foi a elaboración, por parte do alumnado das etapas de EI e EP, de prendas de roupa que tiñan rotuladas palabras que aparecen nos textos da autora homenaxeada. Estas prendas foron colocándose nun tendal, á vez que nenos e nenas recitaban poemas de Luísa. 






Na etapa de Educación Infantil as nenas e nenos fixeron un montón de flores e persoas para decorar un gran mural que se colocou na entrada do edificio de infantil. O mural representa un fermoso parque primaveral dedicado a Luísa Villalta.





RECOMENDACIÓNS LECTORAS

Durante este curso na biblioteca de Tintón puxemos en marcha as "Recomendacións lectoras" para dar a coñecer á comunidade educativa os títulos favoritos do alumnado; e quen mellor que as propias nenas e nenos para recomendar estas lecturas. Estas recomendacións fóronse publicando no Facebook e no Instagram da Biblioteca do Polbo Tintón.

Queremos dar as grazas a todo o alumnado que nos axudou a poñer en marcha esta actividade recomendando algún libro.

Como mostra de recomendacións lectoras podedes ver estes dous vídeos onde tres alumnas nos falan de "Unicornia" e "Comiendo con miedo".







 A NOSA BIBLIOTECA NAS REDES SOCIAIS

Co obxectivo de dar a coñecer as diversas actividades que se levan a cabo na biblioteca de Tintón, creáronse contas en FACEBOOK E INSTAGRAM. É moi sinxelo atoparnos: buscade "Polbo tintón" ou "a_biblioteca_do_polbo_tinton".





Se aínda non o facedes, animádevos a seguilas e darlle a 👍 e a  💜!

viernes, 7 de junio de 2024

VISITAMOS O REXENERA FEST

Un ano máis, o alumnado do CEIP Bergantiños tivo a oportunidade de visitar o "Rexenera Fest". Este é un festival internacional de arte pública promovido polo Concello de Carballo que xa vai pola súa décima edición. Grazas a esta iniciativa a arte está presente a diario na nosa vila a través duns enormes murais que enchen de vida moitas paredes que antes estaban baleiras. Na seguinte ligazón podedes visitar a WEB OFICIAL DO REXENERA FEST.


Na presentación de fotos que aparece a continuación podedes ver a saída que fixeron no día de hoxe nenas e nenos de 2º de EP para observar diferentes murais que hai polas rúas próximas ao noso centro. A visita foi conducida por Maite, do Museo de Bergantiños, á que lle damos as grazas polo ben que nos explicou todas as curiosidades que se agochan detrás de cada mural. 

As nenas e nenos ao longo do percorrido tiveron a sorte de poder coñecer de primeira man como traballaban os artistas. Foi o caso de Tamara Alves, unha artista portuguesa participante no festival e que foi tan  amable de falarnos  do mural que estaba a realizar; do artista Stom 500, procedente de Suíza e de Pablo Astrain de Euskadi. Tamén lles agradecemos que nos adicaran un anaquiño do seu tempo.




Ademais o alumnado ten ocasión de participar nunha das actividades desta edición do Rexenera Fest, consistente nunha busca do tesouro a través de pistas que van atopando en diferentes murais. Unha vez que atopen o tesouro serán recompensados cun pequeno agasallo que terán que recoller no Museo de Bergantiños. Para aquelas familias que esteades interesadas en participar nesta actividade, aquí queda a LIGAZÓN.



PROXECTO DE CENTRO: OS XOGOS OLÍMPICOS.

Desde o blog da biblioteca de Tintón queremos compartir unhas imaxes sobre algunhas das diferentes actividades que se realizaron no centro arredor do proxecto de centro para este curso 2023/24: os xogos olímpicos.


Realizáronse numerosos murais para expoñer ideas acerca dos diferentes deportes, as mascotas olímpicas, a historia dos xogos, a figura da muller nos xogos olímpicos, etc. A celebración do Entroido tivo como fío condutor as olimpíadas, polo que os nenos e nenas foron creando diferentes elementos para a elaboración do seu disfrace. Na presentación que aparece a continuación podedes ver fotos en relación a todos estes elementos que acabamos de citar.




miércoles, 5 de junio de 2024

ORGANIZACIÓN DO VOLUNTARIADO DE BIBLIOTECA.

Durante este curso que está a piques de rematar a biblioteca de Tintón tivo uns bibliotecarios e bibliotecarias moi especiais: nenas e nenos de 5º e 6º de E.P. que xenerosamente dedicaron parte do seu tempo de lecer a colaborar na biblioteca colocando os libros nas estanterías, organizando material, poñendo música para ambientar este espazo, controlando o aforo da biblioteca, recomendando libros aos demais nenos e nenas, axudando a atopar libros ao resto do alumnado, etc.

Para organizar este voluntariado creáronse nove equipos de seis nenos e nenas (estaban mesturados por niveis e cursos); cada equipo corresponde a un elemento do medio mariño. Cada mes tiñan ao seu dispor na aula o calendario para consultar a que equipo lle tocaba cada día, de xeito totalmente autónomo.



Esta foi unha experiencia moi satisfactoria para todo o alumnado participante (un total de 54 nenos e nenas).

MOITÍSIMAS GRAZAS a estes nenos e nenas por este labor de voluntariado tan importante para o funcionamento da biblioteca durante o recreo!!!!










  CLUBS DE LECTURA Boa tarde, meus amiguiños e amiguiñas! Como ben sabedes, este curso, estamos a desenvolver uns ...